domingo, 15 de marzo de 2009

Final

Como poidestedes comprovar aumentamos un pouco o índice, agora é:
1. Presentación
2.Esquema
3. Situación e Xeografía:
3.1 Santa Comba
3.2 Zas
3.3 Mazaricos
3.4 Dumbría
4. Introducción
4.1Características xerais da hidrografía galega
4.2Límites da cunca
4.3 Pérfil lonxitudinal
4.4 Aspectos xeomorfolóxicos
5.Curso do Río Xallas
5.1 Nacemento
5.2 Curso do Xallas
5.3 Muíños
5.4 Praias fluviais
5.5 Afluentes
5.6 Centrais
5.7 Balsa
5.8 Desembocadura
6. Aproveitamentos enerxéticos
6.1 Enerxía eólica
6.2 Enerxía hidraulica
6.3 Ferroatlántica
7. Construccións importantes
7.1 Cruceiros
7.2 Dolmens
7.3 Muíños
8. Rutas
8.1 Interese turístico
9. Mitos e lendas
10. Cotos
10.1 Fauna
10.2 Rexime de pesca
11. Flora


Pois con isto damos por rematado o noso proxecto de investigación sobre o río Xallas, esperamos que sexa do voso agrado e descubrisedes cousas novas sobre esta comarca, ó igual que nos pasou a nós.

martes, 10 de marzo de 2009

Fraga de Anllares

En Mazaricos podemos descubrir a fraga máis occidental de Europa. A fraga de Anllares ten máis de 60 Ha dunha beleza tan inhumana que a fixo aspirar á condición de parque natural. A devesa de Anllares está pegada ó río Xallas, e malia que lle cortaron moitos carballos hai anos aínda ocupa unha extensión notable e homoxénea, como se aprecia se a divisamos dende o outro lado do río ( do lado de San Crimenzo). Os plebeos eucaliptos ( eucalyptus globulus) Mazaricos foron plantádos no medio dunha auténtica revolta popular que mesmo lle custou a vida a un veciño de Eirón e feridas a outros dous aló polo ano 1963, cando o franquismo impuña a súa política forestal pola zona. O estado incautou os montes que non tivesen valado nin tivesen rexistrados. Conta Don Ramón Villares en Galicia século XX, que era terra da desamortización, de uso veciñal dende que fora retirada ó clero e que os veciños impediron ata en dúas ocasións que as máquinas entrasen no monte. Na 3ª ocasión ca presenza da garda civil conseguirono, pero houbo tiros. Os tres homes que sufriron feridas de bala estaban a 70 metros de distancia, según o informe dos gardas e morreron ó día seguinte.

Carballo anano

O carballo anano (Quercus lusitanica) que medra nas abas do Monte Pindo é unha especie protexida polo Catálogo Galego de Especies Amenazadas, no que figurará coa categoría de "vulnerábel". Este acordo foi tomado o día 25 de setembro do 2.008 no Observatorio Galego da Biodiversidade en base a unha iniciativa de ADEGA avalada por diversos expertos e institucións científicas do país.
Agora este acordo do Observatorio Galego terá que ser formalizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza pertencente á Consellería de Medio Ambiente.
O carballo anano é unha especie arbustiva que medra no suroeste da Península Ibérica e máis en Marrocos. En Galicia existe unha pequena poboación illada nas abas do Monte Pindo (Carnota) que se sitúa a 500 km da poboación máis cercana da mesma especie. Esta característica singular da súa distribución xeográfica chamada polos biólogos "disxunta" é a que determina que esta especie fora proposta como especie protexida.
O carballo anano é a primeira especie que se incorpora ó Catálogo Galego de Especies Ameazadas despois da súa aprovación no 2.007. Non entanto, existen moitos máis candidatos a formar parte da flora e fauna ameazada de Galicia. A maior dificultade que presentan as novas incorporacións a este Catálogo é a carencia de datos, sobre todo no aínda descoñecido mundo dos insectos onde se estima que en Galicia aínda hai por descubrir moitas especies novas para a ciencia.
A declaración como especie protexida implica que queda prohibido danar ás plantas e que deberá elaborarse un Plano de Conservación da especie que se agarda que sexa efectivo para aumentar o número de exemplares e mellorar a súa conservación.
Do mesmo xeito, ADEGA solicitará a declaración da área de distribución desta especie e do propio Monte Pindo como Monumento Natural, Paisaxe Protexida ou outra figura de protección ambiental que sirva ademáis de para garantir a conservación dos seus valores naturais, para promover o enorme interese ecoturístico e cultural desta privilexiada paraxe.

Réximes de pesca no río Xallas

Troita común ( Salmo trutta fario):

Datas hábiles: 3º domingo de marzo – 15 de agosto

Cota de capturas: 5 exemplares/ pescador / día

Talla mínima: 23 cm

Cebos prohibidas a pesca con ovas de peixe, peixe vivo, morto ou en anacos.

Boga ( Chondostroma duriense):

Días hábiles: 3º domingo de marzo- 15 de agosto

Cota de capturas: sen cupo

Talla mínima: sen talla

Cebos: prohibida a pesca con ovas de peixe, peixe vivo, morto ou en anacos.

Cangrexo roxo (Procambarus clarkii):

Días hábiles: 3º domingo de marzo – 15 de agosto.

Cota de capturas: sen cota nin talla

Artes: máximo 10 reteis / pescador

* Artes (todas as especies): Máximo de 2 canas por pescador.

Troita

Nome cientifico:Salmo trutta

Familia.:Salmoninae (Salmonidos).

Tamaño e Peso:É unha especie de talla media que non adoita superar os 60 cm e pode chegar ata os 8 kg de peso.

Nomes comúns:

Castelán: trucha común ou pintona.

Galego: troita

Catalan: truita comuna.

Frances: truite de riviere

Ingles: brown trout.

Trazo e coloración:Corpo afundido,xusto por diante da aleta caudal:a mandibula superior chega máis ala do ollo. Pintas vermellas no costado (dependendo de se a auga ten máis ferro ou máis cal, as pintas serán máis vermellas ou máis negras). Aleta adiposa preto da aleta caudal, mancha negra xunto do ollo, bastante caracteristica. A femia ten dous orificios anales, mentres que o macho só ten un, as escamas son pequenas e visibles, a cantidade e a calidade de alimento do lugar onde evolucionan, asi como o tamaño do espazo fisico onde habitan, teñen unha marcada influencia sobre o desenvolvemento da troita; podendo desenvolver velocidades de natación duns 35 km hora.

Distribución: na península iberica, localízanse en case todas as cabeceiras fluviais da metade norte, na conca alta do segura, cabeceira do Guadalquivir e Serra Nevada.

Habitat: A pintona nace nas zonas altas dos rios, onde o auga é limpa e oxixenada, necesita entre 6 e 8 centimetros cúbicos de oxixeno por litro de auga, para cumprir as súas esixencias respiratorias.logo coa madurez, vai baixando o rio para aposentarse e protexer a súa zona de caza, ao ser moi territorial, ataca a calquera intruso ou ata a membros da súa mesma especie á hora de defender o seu territorio; os momentos mais activos para a troita son a saída do sol e a posta, é cando mais eclosions de insectos hai, dependendo do lugar, pode comer a calquera hora, de día ou de noite; a súa alimentación principalmente é a base de: larvas de insectos acuaticos, peixes, ras e de troitas máis pequenas e calquera insecto que caia á auga ou sexa arrastrado por ela. A súa reprodución prodúcese xeralmente entre novembro e decembro, coa temperatura da auga entre 4 e 10 grados, a femia escava un pequeno oco na grava e deposita os ovos e a continuación o macho fecundaos (entre 1000 e 2000 ovos por quilo de troita); logo de 40 días e o auga a uns 10 grados, nacen os novos alevíns.

Boga

A boga (Chondrostoma duriense) é do xénero dos Chondrostoma e a súa forma e aspecto recordan ós do condrostoma común, pero a boga é máis pequena. Distínguese igualmente do condrostoma común por varios carácteres anatómicos e morfológicos: radios espinosos menos numerosos na aleta anal, menor numero de escamas na liña lateral e sobre todo unha boca en forma de ferradura.O dorso é verde oliva e os flancos branco plateado, xeralmente cunha raia lonxitudinal escura, gris dourada por enriba da liña lateral. A boga aparece sobre todo en ríos pequenos de augas limpas e cursos relativamente tranquilos. Vive en bancos, particularmente numerosos durante o inverno, época na que se despraza a augas profundas. Na primaveira, os bancos migran cara os lugares de desove situados nos tramos superiores dos ríos, sobre un fondo de pedras. Estas zonas atópanse sempre a maior altura que as do condrostoma común. A boga é importante como compoñente da alimentación dos depredadores e ás veces como obxecto da pesca deportiva.
En Estremadura existe unha variedade de boga endémica da conca do río Guadiana. A boga do Guadiana (Chondrostoma polylepis willcommii) é unha das variedades máis grandes chegándose a pescar exemplares de máis de medio kilogramo.

Cangrexo americano

A modo de curiosidade comentamosvos isto sobre o cangrexo americano Austrapotamobius pallipes , unha enorme praga.

O cangrexo vermello ou cangrexo americano comezou a introducirse en España nos anos sesenta co obxetivo de producilo para a súa introducción no mercado da alimentación. Os primeiros intentos non tiveron demasiado éxito e non foi ata 1973 cando unha partida introducida dende o estado norteamericano de Louisiana comezou a reproducirse según os deseos dos introductores. O seu tamaño acada os 10 cm dende a cabeza ó telson. A coloración varía dende a avermellada á gris azulada. Caparazón cefalotorácico con numerosas espiñas en ambos lados da sutura cervical. Cabeza con dous bordes converxentes. A súa alimentación é omnívora.

A reproducción comeza coa fecundación, en outono, da femia, polo macho. Os ovos, ó redor dun centenar permanecerán plegados ós pleópodos da nai. En primaveira eclosionarán os ovos e aparecerán pequenos cangrexos similares á nai. Máis de 40 anos despois dos primeiros intentos de introducción, a realidade é ben distinta. O cangrexo americano é un gran depredador e non ten á súa vez depredadores naturais que manteñan a súa poboación controlada, co cal a poboación non parou de medrar en todos os anos ata niveis que nalgúns casos representa un problema: desaparición de especies autóctonas e doutras especies de anfibios a causa da súa voracidade, problemas para os agricultores nos arrozáis, desaparición de especies vexetais a causa dos túneles que o cangrexo excava para vivir...Non conforme con este lamentable dano, resultou que era portador da afanomicosis.

Cotos

Actualmente o coto de Xallas atópase vedado debido o vertido de lodos de A Fervenza. Este ano fixéronse estudios de poboación con pesca elécrica en ámbolos dous cotos co fin de establecer os plans de xestións. Os peixes pescables no río Xallas son:

O salmón
A troita
A boga
O cangrexo de río

En vindeiros posts comentaremosvos a bioloxía destes animais e o réxime de pesca.

Brandomil

Resulta que por Brandomil pasa unha vía romana, así nolo conta un cartel informativo que se atopa no merendeiro da praia fluvial. Que dí o seguinte:

A vía XX era unha vía Romana que enlazaba Braga con Lugo pasando por Brigantium. Até Caldas de Reis ( Pontevedra) coincidía coa vía XIX, despóis separábase para ir máis preto da costa, de aí a denominación per loca marítima.
En Brandomil estaría situada unha mansio, que podía ser Glandimiro ou Ad Duos Pontes, que aparecen citadas no chamado itinerario de Antonino.
Entre os diversos achados atopados neste lugar hai que destacar as inscricións, todas teñen nomes latinos, non indíxenas, o que quer dicir que a xente que vivía en Brandomil viña de fóra de Ballaecia, eran cidadáns romanos ou latinos, que estarían ligados á administración imperial e ó control das explotacións minerais que había nos arredores.
A calidade das pezas atopadas fan pensar ós arqueólogos de que este era unha poboación con gustos máis urbanos e que tiñan pouco que ver co mundo rural circundante. Todo indica que era un centro importante da romanización polo s. IV D.C.

O Combate de Dumbría

Inspirándose tal vez no fantástico relato que aporta Benito Viccetto na súa "Historia de Galicia" sobre a batalla entre as huestes de Céltigo e Noerio, á ribeira do Xallas, compuxo Eduardo Pondal un dos seus últimos poemas, " O combate de Dumbría".

Intrépitos galegos que
dende antigos días sobre a
fronte levades a estrela
vespertina, se queredes
ser fortes nas épicas
porfías, lembrádevos
do rudo combate de Dumbría.
...
Aos vosos nobres fillos
relembrar noite e día os
feitos denodados da vosa
xente antiga; recordade
decote os seus feitos i
ousadías, ¡Recordade o
famoso combate de
Dumbría!

O rexurdir de Alcaián

Indagando un pouco sobre a lenda da lagoa de Alcaián chegamos á conclusión de que se a lenda fose certa, Xesucristo non estivo de todo atinado cando dixo “e nunca arriba volverás” referíndose á vila de Alcaián.

Debido ás canles feitas na lagoa ó abriren alí unha mina de titanio e rútilo sobre os anos corenta a lagoa secou e nas escavacións que se levaron a cabo, apareceron restos arqueolóxicos dun poboado paleolítico. Alcaían foi un dos primeiros asentamentos humanos en Galicia.


O mito de Alcaián

A lagoa de Alcaián está situada na parroquia de Seavia (concello de Coristanco) tamén recibe o nome de Braña Rubia, esta denominación débese á cor do terreo que é vermello debido ós sedimentos de arxila alí acumulados durante o período cuaternario. A Braña Rubia aporta auga ó rio Mira que é o primeiro afluente importante do rio Xallas.

Sobre esta lagoa existe unha curiosa lenda que afirma que baixo as súas augas habia unha gran vila, a vila de Alcaián.

A lenda conta que nunha noite de treboada entraron na vila dous forasteiros solicitando refuxio e comida. Os habitantes de Alcaián negándose a covixar ós dous homes céivanlle os cans botándoos deste xeito da vila. As dúas persoas eran Xesucristo e un dos seus apóstolos.

Cando estaban a sair da vila Xesucristo dase a volta e levantando a voz di:

Adeus vila de Alcaián

Que me encirraches os cans

Afundiraste

E nunca arriba volverás.

Dise pola zona que en ocasións chéganse a escoitar os ladridos dos cans, o canto dos galos e ata mesmo o repenicar das campás dese pobo soterrado polas augas, Alcaián.

Interés turístico, Dumbría

Son abundantes os ríos do municipio nos que se practíca a pesca deportiva da troita, o reo e o salmón, especialmente no Xallas, no que se celebran concurridos concursos de pesca. Tamén se practíca caza menor.
Hai algúns castros que aínda se poden descubrir ou sospeitar. O que conserva mellor a súa forma circular, cos muros de protección, ainda que sin habitantes, é o de Regoelle, na parroquia de Olveira, ó borde mesmo da carretera que se dirixe de Ponte Olveira a Baíñas. Localízase facilmente por ter un poste de alta tensión dentro do seu recinto. Próximo a él, pero en terreos do Municipio de Vimianzo están os maiores dólmes galegos, Pedra da Arca.
Outro grupo de castros atópanse no monte Pedriña, pero foi desfeito ó construírse unha fábrica dependente da de Carburos Metálicos de Brens. Un dos recintos foi aproveitados para a construcción dos depósitos de auga. Na ladeira do monte Logoso, preto do lugar de Brasal (parroquia de Buxantes), localízase unha curiosa pedra oscilante. Dita parroquia ten unha bonita igrexa barroca cunha alta torre.
Dende o punto de vista paisaxístico, o lugar máis interesante é Ézaro, onde se da un fenómeno xeográfico pouco frecuente: a desembocadura dun río en fervenza sobre o mar. Tamén son moi acolledores os pintorescos tramos do Xallas, pasada a presa da Fervenza, en Ponte Olveira e fronte ó lugar de Campelo, onde se desenrola a Devesa de Anllares, que pertence ó municipio de mazaricos.

Interés turístico, Mazaricos

Aquí vos mostramos as cousas de interese turístico dos distintos concellos:
Os principais atractivos turísticos son os que se desprenden dos seus paisaxes de val e montaña, donde se ven con frecuencia cañas e escopetas. Practícase a pesca deportiva no Xallas e os seus afluentes, abundantees en troita, reo e salmón, onde se celebran concurridos concursos de pesca.

Tamén no aspecto paisaxístico e ecolóxico é digna de mencionarse a Devesa de Anllares. Na ribeira esqueda do Xallas, entre outros lugares de Campelo e Castelo desenvolvese unha fermosísima carballeira dunhas 50 hectáreas, lindando coas augas do río durante un par de kilómetros. Apenas se ven máis especies que o noble carballo e o seu tradicional sotobosque, con algúns álamos e olmos mollando os pes no río.
Varias ermitas atópanse perdidas en lugares apartados e remotos do municipio, excepto a de San Xosé, que está ó borde da carretera, en Val. Entre aquelas a máis célebre é a da Virxe do Monte, onde se convoca unha concurrida romería, A Romaxe, o último domingo de agosto.
O nome do concello parece vir dun tipo de paxaros coñecidos en Galicia co nome de Mazaricos, aves limícolas de talla mediana, fáciles de ver pero difíciles de cazar por ser moi arisca e asustadiza. Das tres especies que se coñecen, a que foi vista no térmo municipal é o Mazarico Curlí ( "Nemenius Arquata"). de largo pico, que habita preto da costa e emigra no inverno cara o interior.

Ruta do Ézaro


O río Xallas percorre todo o municipio de Dumbría dende o embalse da Fervenza para desembocar no Ézaro nunha fervenza duns cen metros, feito insólito e que o convirte no único río de Europa con esa característica. O pozo formado pola forza da auga chega ata os 16 metros de profundidade habendo causado gran impresión ós visitantes durante séculos.
A canalización do río e a costrucción do embalse de Santa Uxía cerrou este salto por motivos económicos. Na actualidade a central hidroeléctrica solo permite ver este fenómeno abrendo as súas portas unha hora os domingos.
Aínda que non poidamos contemplar este feito, merece a pena subir ó Mirador. Antes de cruzar a ponte do Ézaro, tomamos á esquerda unha estreita e empinada carretera que nos leva ata o mirador do mesmo nome. Alí podemos contemplar en todo o seu explendor a ría do Ézaro coa desembocadura do Xallas e as faldas do imponente Monte Pindo, que nos mira desafiante durante toda a etapa.

Camiño de Santiago

O tramo do camiño de Santiago - Fisterra - Muxía atravesa o municipio de Dumbría. Entra por Ponte Olveira, atravesa Buxantes e sae en Cee por San Pedro Mártir. Unha alternativa do Camiño sae de Olveira xunto a unha fonte con lavadeiro e segue a pista do Vao do Couso, que bordea os estreitos embalses de Olveira e Castrelo.

Rutas por Ferroatlántica

A fábrica de Carburos Metálicos ( Ferroatlántica) surxe, á maneira do inferno de Dante, como unha última proba antes de chegar ó Océano. A 5 km atópase a capital do municipio de Dumbría, coa súa parroquial barroca, boa rectoral restaurada e diversos servizos. Dende a carretera que baixa a Cee, fronte á porta da factoría, parte o Camiño Real.
Seguindo esta carretera, a 1.500 m. está señalizado o desvío ó embalse de Santa Uxía, excelente mirador sobre Ézaro, os montes de O Pindo e a desembocadura, en fervenza, do río Xallas. Por zonas de monte baixo chega ó emblemático cruceiro de Marco do Couto.
Pouco despóis desta encrucixada (pola esquerda pode visitarse a elegante igrexa barroca de San Pedro de Buxantes, atribuida ó ceense Domingo Antonio de Andrade), o camiño bifurcase. Cara o norte avanza, dereito por Pedras Loiras e polas "brañas" de Fonte Romeu, o Camiño Real. Seguindo cara o Sur, aproximamonos á ermida de A Nosa Señora das Neves, coa súa Fonte Santa. Restaurado en 1.997, ademáis dun agradable atrio arbolado, o santuario dispón dun cruceiro e dun manantial. A romería ten lugar cada 8 de setembro. Fose cal fose o camiño elexido, acabase chegando á outra ermida, a de San Pedro Mártir, que tamén conta co seu campo das festas e fonte santa que cura reuma , dores de pés e verrugas. Dende este lugar, situado xa no municipio de Cee, a ruta encamiñase cara o sur.

Rutas dos Saltos, Mazaricos

Mostramosvos agora catro rutas que se poden facer ó caron do Xallas:
"A ruta dos saltos", moi atractiva, ofrecenos unha excursión ata Campelo, o monte autóctono residual da devesa de Anllares, e as ribeiras do troiteiro Beba, que conflue en Colúns co Xallas. Unha pista forestal segue o antigo camiño medieval. Preto queda a aldea do mesmo nome, dende a que se alcanza a de Hospital, antigamente Hospital de Lagoso. Do outro lado da montaña podese visitar a curiosa pedra oscilante de Brasal.


Cruceiros, Dumbría


No concello de Dumbría é o do Ézaro o exemplar máis destacado de entre os seus cruceiros. Está situado no camiño de baixada á igrexa parroquial de Santa Uxía e no grave perigo de desaparición pola progresiva despoboación do lugar e as obras que alí realizan. Ten unha mesa ou "pousadoiro", fuste cilíndrico, amplio capitel, cruz con figuras ben talladas e é de apreciable antigüidade.

Cruceiros, Mazaricos

En Mazaricos son citables de maneira especial dous exemplares de estilo e época ben diferenciados. En Colums, ó borde do río Beba, hai un exemplar sencillo, ben ubicado e de especial encanto. O outro está situado sobre o cauce do mesmo río, a poucos metros dunha ponte por onde pasa a carretera de Pino de Val a Paxareiras, nun paraxe frondoso e apartado. Este é un "descendemento" : na súa cruz está representado o momento no que desenclavan do madeiro, para baixalo, o corpo morto de Cristo. É un traballo en pedra moi meritoso pois a escaleira e personaxes que alí vemos están tallados nun bloque de pedra único. Trátase dunha obra do ano 1891 e " a devoción de Pedrez de Lema", según se lee no seu pedestal.

Dolmen de Corveira

Agora vamosvos comentar tres construccións importantes que se atópan preto das ribeiras do río Xallas.
Nun prado próximo á carretera de Santa Comba a Pino de Val, preto da aldea de Corveira, parroquia de Eirón, atópase o dolmen chamado Mina de Perxubeira, nunha mámoa na que se comezaron a realizar excavacións no ano 1.977. O monumento megalítico, que forma parte dunha necropolis de catro túmulos e que data do terceiro milenio antes de Cristo, ten unha cámara poligonal e corredor corto. Ó facer as excavacións foron atopados diversos restos entre os que destacan unha colección de cerámica.

Enerxía hidroeléctrica

É sabido por todos que o desnivel que ten o río Xallas ó longo do seu curso é moi explotado por encoros para a obtención de enerxía.
O Xallas conta con seis centrais hidroeléctricas no seu curso, entre elas están:
a da Fervenza, Castelo, a Balsa, Ponteolveira, Santa Uxía e a do Ézaro.
Todas elas producen uns 133.000kw de potencia, son propiedade de Ferroatlántica que as emprega para abastecerse de enerxía, aínda así e pouca e precisa comprala restante a Fenosa.
Das centrais xa comentamos moito anteriormente polo que non imos repetir o mesmo.


Ferroatlántica

É moi difícil ver outra cousa conforme un se aproxima á fábrica, pero paga a pena apartar os ollos dela: está a cincocentos metros dun antigo Camiño Real que na beira garda a chamada Pedra Ancha; según os naturais da zona, é un dos petróglifos máis importantes de Galicia. As incriscións gravadas no granito da pedra están datados na Idade de Bronce (1800 - 700 a. C.) Reproducen puñais e alabardas.
Os chuciños e os coitelos que debuxaran os devanceiros fan de escolta para a factoría "fumeadora" que leva máis dun cuarto de século funcionando onda eles. Coñecida como a fábrica de Dumbría, esta nave está no Hospital de Lagoso, cerca de onde se bifurca a ruta xacobea Fisterra - Muxía; forma parte como un todo do proceso de produción da de Brens ( Cee) , a 10 quilómetros, de feito para Ferroatlántica trátase dun mesmo centro de produción con cinco fornos. A planta de Brens fora feita hai un século para a fabricación de carburos. No ano 2002 traballaban aquí 236 persoas entre fixos e eventuais; cen menos ca dez anos antes.
As minicentrais do Xallas creáronse para suministrarlle enerxía exclusivamente. Segundo fontes da factoría non producen a electricidade suficiente para as fábricas e teñen que mercar electricidade. Ferroatlántica só lle vende electricidade sobrante da cunca do Xallas a Unión Fenosa cando as fábricas de Brens e Dumbría paran pola noite.
Negaban, por certo, que os seus residuos contivesen metais pesados, como se queixan por veces os mariscadores de Cee. En marzo do 2005 deulles en cambio por recoñecer que a contaminación por hidrocarburos da ría de Corcubión era culpa deles. Esa declaración de parte seviulles para eludir sancións severas e saldaron a súa responsabilidade cunha doazón de cen mil euros á Fundación Arao, creada pola Xunta para recoller fondos tras o episodio do Prestige. Poucas semanas despóis, a Xunta asinaba con eles un convenio segundo o que o Goberno galego poría os 12 millóns de euros necesarios para ampliar ata 310 metros o peirao de Brens - Cee aumentándolle o calado ata 12 metros, para que puidesen atracar barcos de ata 25000 toneladas.
Da contaminación segue sen saberse nada. Tras case catro anos de pescudas, a consellería de Medio Ambiente continúa sen dicir de donde veñen os verquídos. Os bancos de marisqueo de Cee e Corcubión tiveron que pecharse media ducia de veces entre finais de 2002 e xullo de 2006. A Unión Europea ten claro que as factorías de Dumbría e Brens, como mínimo axuda ó efecto invernadoiro. As autoridades da Comisión téñenas inscritas no rexistro Esper. Nesta lista figuran as industrias vixiadas pola súa polución. Unha vez ó ano Ferroatlántica ten que informar ás autoridades das súas emisións contaminantes ( sobre unha lista de cincuenta substancias) e Bruxelas fai públicos eses datos.
Pero no outono de 2006 todo isto perdeu importancia. As catro inundacións seguidas que sufriu Cee arrastraron á ría de Corcubión litros e litros de auga doce, con lama chea de borralla da grave vaga de incendios do verán, estragando os bancos marisqueiros nunha imaxe apocalíptica, parecida en todo á marea negra do Prestige.
Ferroatlántica S. L. , constituída en setembro de 1992, con factorías en España, México e Venezuela, produce ferroaliaxes que se utilizan en sectores como a siderurxia, o aluminio, as siliconas, os eléctrodos de soldadura, os semiconductores ou as células solares fotovoltaicas. Segundo se lee na web da compañía, ten moita sona o eléctrodo elsa, patentado por eles e usado en todo o mundo na producción de silicio. Tamén dispoñen de estudos propios sobre a aplicación de microsílice en formigón de alta resistencia. A capacidade de producción anutal chega ñas 167.000 toneladas de ferrosilicio, ás 40.000 de silicio metal, ás 215.000 de ferromanganeso, ás 170.000 toneladas de ferrosilicomanganeso, ás 16.000 de pasta de eléctrodos, ás 44.000 de microsílice e ás 10.000 toneladas anuais de pulverizados.
Os recursos enerxéticos de Ferroatlántica baséase no aproveitamento hidráulico dos cauces dos ríos Xallas e Grande en Galicia e Esera e Cinca en Aragón. A división de enerxía xestiona de maneira integral a producción, transporte e transformación da enerxía eléctrica do grupo. As centrais son automáticas. As presas, centrais e subestacións opéranse a distancia apoiadas polo persoal de mantemento a pe de instalación.
Ferroatlántica autoabastécese extraendo seixo industrial en Galicia das súas minas chamadas: Sonia, Conchitina, Esmeralda, Transmonte, Merlán e Cristina a través da sociedade Cuarzos Industriales e máis da mina de Serrabal da sociedade RAMSA, propiedade tamén do Grupo Villar Mir.
Por causa desta última, a de Serrabal, situada en Vedra e Boqueixón, interromperon as obras e estudaron mudar o trazado do tren de alta velocidade entre Ourense e Santiago. A liña pasaba polo xacemento de seixo e Ferroatlántica raclama nos tribunais a estratosférica cifra de 895 millóns de euros. A plataforma de concellos afectados polo AVE sostiña que o trazado apenas invadía o 10 ou 20 por cento do xacemento de seixo, uns 100 ou 200 metros dun total dun filón de tres quilómetros. A empresa di que a liña do ferrocarril pasa pola parte máis rendible desta mina, que produce o mellor seixo siderúrxico de todo o mundo co que abastecen as plantas de Sabón, Cee e Dumbría. Villar mir insinúa que os 40 postos de traballo de Serrabal e os 395 das tres factorías están en cuestións.
Como na política as afirmacións rotundas pouco duran, en abril de 2.006 cambioulle o aire ós cataventos. O Ministerio de Fomento desdíxose e anunciou que ía manter o trazado inicial, sobre a mina, que antes lle parecera inviable. O motivo disque era non buscar un distinto, que atrasaría dous anos o inicio das obras. Esta negociación foi relacionada en varios medios coa tramitación dos tres novos aproveitamentos hidroeléctricos do Xallas que solicitaran os de Villar Mir para crear outra central hidroeléctrica máis na presa de Castelo e ampliar as de Ponte Olveira e da Fervenza.

Enerxía eólica

Vamos informandovos sobre o impacto da enerxía eólica nesta rexión:
A finais do 2003 a potencia eólica instalada no noso País era de 1.617 megavatios e había un total de 2.500 aeroxeneradores en territorio galego que viñan funcionando unas 2.750 horas ó ano. Daquela o futuro xa apuntaba cara plataformas mariñas en mar aberto para aproveitar mellor o vento. O que máis amola é que chantada semellante cantidade de parques que custaron preto dun millón de euros e crearon 2.200 postos de traballo, resulta que na primaveira do 2004, Rede Eléctrica de España descolgouse dicindo que é una producción de baixa calidade e que un simple curtocircuíto deixa os aeroxeneradores fora de servizo.
A APPA replicou cualificando de inapropiadas as recomendacións de Rede Eléctrica. Os productores din que a desconexión automática dos aeroxeradores ante perturbacións na rede prodúcese por exixencia da normativa vixente e pola necesidade de protexer as máquinas ante estes incidentes. Á Asociación de Productores de Enerxía Eléctrica Renovables tampouco lle gustou moito que a REE opine sobre a cantidade de enerxía que haxa que instalar en Galicia. Disque que se ocupe de que a integración na rede se faga como é debido, que ese é o seu cometido. De todos modos, no ano 2.006 algúns técnicos sosteñen que , cos aeroxeradores axeitados, os parques galegos poderían pronducir cinco veces máis do que producen ocupando o mesmo espazo.
No ano 2.004 España foi o Estado que máis potencia eólica instalou (2.065 megavatios), contando a de Galicia.
A finais dese 2.004 comezaron a filtrarse á prensa algunhas queixas do sector contra os “especuladores” que obtiñan licencias da Xunta de Galicia para venderllas a prezos millonarios despois ás empresas eléctricas.
O nacemento do Xallas está presidido polo Parque Eólico do Castelo, posto en marcha por Unión Fenosa no ano 2.001. En contra do que o seu nome indica, estes máis de vinte aeroxeradores orientados cara ó oeste están plantados nos montes Maior e Atalaia, en territorio dos Concellos de Coristanco e Tordoia.
En abril do 2.005 vendo a desfeita dos viraventos na mon
taña, os da ribeira comezaron a preocuparse tamén. As confrarías de pescadores da Costa da Morte reaccionaron contra dous estudos de instalacións de senllos parques eólicos mariños reclamando máis información, precisa e veraz, sobre o impacto real que poderían ter sobre a pesca e o mar as plataformas mariñas de enerxía eólica. O propio goberno galego coincidiu cos pescadores en que as plataformas proxectadas pola Administración Central prexudican os caladoiros.
O territorio galego é o quinto do mundo con máis potencia eólica instalada. A desconfianza que comeza a suscitar o aproveitamento modificou a estratexia das empresas do sector. Estas compañías das que só o 10% son firmas galegas, ofrecen investimentos de 3.000 millóns de euros a cambio de máis muíños e poren de ocupar máis montes. Pretenden conseguir 2.500 megavatios máis a cambio de crearen outros 2.500 postos de traballo.
Os ecoloxistas denuncian que cada unha das cen minicentrais que soportan os nosos ríos destrúe entre o 45 e 95% da fauna galega total. Iso non significa en cambio que os aeroxeradores sexan un maná divino sen repercusión no contorno.
No verán do 2.006 a Xunta pugnaba co Goberno Central para incrementar a xeración eólica de electricidade por riba do que Madrid lle permite.
Certo aire entre futurista e innovador dos viraventos brancos alentou tamaña proliferación deles por Galicia adiante. Aínda así, dentro dalgunha decada os nosos descendentes mirarán horrorizados a barbarie paisaxística e de mal gusto que perpetramos no afán de parecermos modernos.
Un estudo da Deputación da Coruña, presentado a finais de 2.005 polo profesor Manuel Lara, desvela que a Costa da Morte e Xallas teñen serias carencias enerxéticas. A zona precisa investimentos de 6,5 millóns de euros para pór como é debido a subministración de electricidade. Faltan transformadores, subestacións e interruptores que permitan illar as avarías. A iso haberá que engadirlle os custos dunha planta de gas licuado e unha mínima infraestructura de telecomunicacións que tire da “zona de
sombra” boa parte do territorio de todos os concellos.
Estes datos contrastan cos 140 millóns de euros que ten previsto investir en Galicia Rede Eléctrica de España ata o ano 2.008 para mellorar a infraestrutura de “evacuación” da enerxía eólica e a das centrais das Pontes e Sabón.
É manifesta a cativa riqueza que o “feísmo” dos parques eólicos lle reporta a quen ten que vivir con eles no seu contorno: escaso beneficio como consumidor, e escaso tamén como habitante “integrado” no medio natural e rural que desmente a berros o discurso política e ecoloxicamente correcto dos muíños de vento.
Se existe un territorio que merece ser compensado coa creación dunha taxa sobre as empresas que explotan os seus recursos eólicos e hidráulicos é o do Xallas.

Curso final do río Xallas

Na ribeira dereita do Xallas atopamos o río Hospital, na parroquia do Ézaro, cos seus afluentes : o Regato de Santa Lucía e o Rego de Rebordelos. Na mesma parroquia está o río Clemente e enfronte un pouco máis abaixo percorrendo a parroquia de Arcos e que á súa vez recibe augas do Aduaño. No Ézaro ademáis atópase a famosa Fervenza a través da cal o Xallas aflúe ó mar.

A canalización do Xallas impide contemplar o "cadoiro" (salto de auga) do Ézaro en toda a súa beleza, pero nalgunhas ocasións é posible ver cómo o río precipitase dende unha altura superior ós 100 metros de caída. Ó longo dos séculos foise formando un pozo que rebasa os 16 metros de profundidade. Forma logo unha pequena ensenada ata desembocar na plaia do Ézaro, ó pé dos impresionantes peñascos de O Pindo e Penafiel. A espectacularidade deste fenómeno e os acantilados que o rodean motivaron un sinfín de lendas e tradicións, nas que non está claro que hai de certo e que se debe á fantasía popular. O Pai Sarmiento no seu " Viaxe a Galicia" de 1745 di: " Non puiden acercarme a ver cómo se despeña, pero pasei moi cerca do sitio, e informeime, cae, non facendo un salto ou catarata, senon precipitandose e facendo un pozo de inmensa profundidade, e perigoso e levantando un como monte de escuma e polvoreda, pois o Ézaro leva moitísima auga".

Río Beba

O Beba quizais sexa o rio máis importante dos propiamente mazaricanos: atravesa tres parroquias e o seu discorrer está sombreado pola presenza de Salgueiros (Salix atrocinarea) e Ameneiros (Alnus glutinosa) por importantes masas de carballos (quercus robur) e castiñeiros (castanea sativa), e por unha longa serie de obras arquitectónicas de coñecido valor;pero a obra máis importante é sen lugar a dúbidas ,a ponte de Pontenova.
Por esta ponte, situada nunha das paraxes máis encantadoras do rio, cruza o vello camiño que dende Corcubión ía ata Muros polo interior e con importantes paradas nas feiras de Ponteolveira, da Choupana e da Virxe do Monte. Camiño que aparece sinalado nos antigos mapas de Galicia e que funde as súas raíces no medievo. Época na que ten orixe esta ponte.Pénsase que a construción se pode situar a finais da Idade Media, alá polos séculos XIV ou XV.
A Pontenova articúlase cun único arco dunha luz duns 10 metros. As reducidas dimensións do curso do río non fan necesaria a presenza de tallamares, aínda que a ambos lados, tanto augas arriba como augas abaixo, sitúanse uns contrafortes que en grande medida atópanse embutidos nas calzadas de acceso á ponte, máis anchas que a ponte propiamente dita.
Unha característica moi singular desta ponte é a longa calzada pola que se accede á mesma ponte dende a marxe occidental do rio. Para que esta longa calzada pola que se accede á mesma ponte dende a marxe occidental do río. Para que esta longa estructura non fora un impedimento ó discorrer das augas os días de enchente, foi perforada por dous ocos que evacuaban a auga que sobordaba do cauce nas longas invernías, contribuíndo a un mellor saneamento e conservación de toda a estructura. O emprego do arco apuntado e a axeitada combinación de aparellos, que contribúen á creación dun perfil lixeiro e estilizado. Pero a Pontenova , a diferencia do que o seu nome indica non só é unha ponte, senón un conxunto de elementos que o converten nun lugar moi especial: a presa, a praia fluvial, os muiños, o parque infantil, o merendeiro,etc

lunes, 9 de marzo de 2009

Curso do río Xallas

Seguindo co curso do río, pola marxe esquerda, percorrendo as parroquias de Coiros, Beba e Colúns atopamos o río Beba cos seus afluentes : Rego de Monteagudo, rego de Cibrán, rego das Culebras, rego de Bravo, rego de Tilleiro, río de Ribeiro, rego de Loureiro, rego de Brañas, rego das Bestas das Chaves, río de Bao, río de Gendil, rego de Bao de Serdón, rego de Corredo, regato de Coca de Muíño Vello e rego de Bao do Outeiro. Este río deixa as súas augas no Xallas á altura do encoro de Ponteolveira.

Ponteolveira


"Velaquí me tendes
andiven de feira en feira
da Choupana a Baíñas
da Romás á Ponteolveira"
Popular













Os vales que forman ó seu redor os diferentes cursos fluviais, axeitadamente combinados coas pontes que foi necesario construir para comunicar as dúas marxes, foron dende sempre un bo lugar para o asentamento da poboación.
A pequena aldea limítrofe entre os concellos de Dumbría e Mazaricos pertence a este tipo de poboación. Aínda que nalgúns nomenclatores aparece denominada con tres topónimos diferentes: Ponteolveira para a zona da "ponte aló" , Mollón para a da "ponte acó" e Vista Alegre para a zona alta contígua a Mollón e con fermosa vista sobre o curso do río. Río que foi sempre punto de unión e, a pesar da riqueza de apelativos, a ponte e as súas circunstancias marcaron para sempre o lento fluír da vida a ambas marxes do Xallas.
Sobre a orixe desta ponte non hai datos concluíntes, hai autores, entre eles Artaza y Malvarez, que a sitúan na época romana e fala dunha suposta inscrición aparecida ó outro lado da ponte. Dato que aínda non foi corroborado polos especialistas e en todo caso, a obra que temos non conserva ningún elemento que poidamos considerar dese tempo.
Se as orixes romanas non están demasiado claras, o medievo parece que se aproxima un pouco máis.No ano 1286 o rei Sancho IV de Castela, concédelle a Muros importantes exencións encamiñadas ó impulso económico e social da vila, ademáis de outorgarlle un territorio para ser gobernado dende ela e que tamén contribuíra a súa prosperidade. A ese territorio pertencía Mazaricos e, precisamente, tiña na Ponteolveira un dos límites, de aí provén o topónimo Mollón, que tería un significado similar ó de marco e que dividía o alfoz de Muros que era do señorío do arcebispo de Santiago, da xurisdición de Corcubión que pertencía ó conde de Altamira.
Por estas mesmas datas, pola crecente importancia de Compostela no contexto espiritual de Europa, empezaría a cobrar importancia o camiño de peregrinación a Fisterra, que tería aquí na Ponteolveira unha das súas principais etapas. Camiño que se atopa recollido por diferentes cronistas, e totalmente xustificado dentro das diferentes tradicións que compoñen a historia do traslado dos restos de Santiago Apóstolo dende Xerusalén ata Galicia.
Na Idade Moderna xa comezamos a ter datos máis concretos sobre este encrave estratéxico. A ponte, tal e como se atopaba antes das desafortunadas obras de 1962, seguramente sexa de finais do século XVII ou de principios do XVIII. Construída con catro arcos de medio punto con contrafortes de planta triangular que reforzan a estrutura entre ollo e ollo. Ollos que son todos iguais e sobre os cales se depositaron diferentes materiais de recheo, formando o clásico perfil ascendente e descedente en forma de cumio que favorecía o saneamento da ponte.

lunes, 2 de marzo de 2009

Encoro de Ponteolveira

O encoro de Ponteolveira érguese entre as parroquias de Olveiroa, Concello de Dumbría, e a parroquía de Colúns, concello de Mazaricos. O Xallas fai de fronteira administrativa. A cincocentos metros do encoro en liña recta, atopámos unha minicentral; alí remata a pista que pasa sobre o dique. Un aramado cun cadeado na cancela impide achegarse. A construcción deste encoro foi posterior ó da Fervenza. A superficie que avafa é mínima en relación ó da Fervenza. Ferroatlántica pretende ampliar esta central hidroeléctrica cunha potencia de 6500 quilvatios máis dos 2700 que xera actualmente.

Curso do río Xallas

Un pouco máis abaixo das comportas da Fervenza, na parroquía de Olveira (Dumbría) recibe augas do río da Balsa. Pola outra banda, río abaixo aflúe ó Xallas o río de Mazaricos ( que á súa vez recibe augas do rego de Fontiño) percorrendo na súa viaxe as parroquias de Atán, Mazaricos e Corzón ( ámbalas tres no concello que lle da nomo ó río). Un pouco máis abaixo na parroquia de Olveira atopamos o encoro de Ponteolveira.

Os muíños da Maquía

Despois da planta do Cabrexo, xusto na entrada do territorio de Brandomil chegamos ó Pozo do Grueiro. A curva que traza o río e a acumulación de auga no dique desvían esta pola canle dereita cara ós muíños de Bentín, pero tamén coécidos como os da Maquía.
Era un muíño de cinco rodas construído antes da guerra civil por Pedro Oreiro Bentín. Un dos rodicios foi substituído por unha dínamo para que tivesen luz eléctrica o propietario, a casa de Bentín, e os muiñeiros, a casa de Bautista. Cando había moito gran para moer a electricidade non chegaba ás casas. A maquía que debía pagar quen quixese moer alí era de un cuartillo por cada ferrado. Os Bautistas, os muiñeiros, cobraban do total de trigo e millo recadado ós clientes, ese global chamábase tulla. O Bentín dáballes un de cada tres ferrados. Os bos tempos coincidiron coa guerra civil. Os muiñeiros chegaban a gañar unhas dezasete mil pesetas, das daquela época, ó ano. Ingresábanas no único banco con sucursal próxima: Banco Olimpio Pérez, con sede en Compostela. O ferrado de trigo e de millo vendíase a 45 e 50 pesos.
Nos muíños da Maquía moeu xente de tan lonxe como Campo Longo, Fontecada, Baíñas ou As Maroñas. A seca do verán deixaba os seus muíños próximos sen auga. Estaban construídos sobre regatos que apenas levaban auga no verán. O caudal do Xallas aseguraba en cambio clientes todo o ano. O resultado foi unha demanda tal que había que esperar ata quince días para recoller a fariña do gran que deixaban para moer. Os sacos de millo e trigo amoreábanse na volta do muíño.

A Balsa do Cabrexo

Logo de dixar o encoro da Fervenza o río discorre entre os concellos de Mazaricos e Dumbría, exercendo como fronteira administrativa. Augas abaixo, Dumbría atópase á dereita e Mazaricos á esquerda. A uns poucos quilómetros do embalse atopámos a Balsa do Cabrexo. A planta sobre o Xallas, coñecida como a Balsa do Cabrexo, está en territorio de Mazaricos, en San Cosme de Antes. É unha planta de xeración eléctrica de oitenta quilovoltioamperios (cuns 70 - 75 quilovatios) aberta no ano 1946 e que funcionou ata 1966. Ese ano morreu o pioneiro Avelino Pérez Tomé "O Cabrexo", que creou dende a nada unha pequena empresa eléctrica cunha xeración moi modesta e que agora xestionan os seus netos. Industrial Barcalesa S. L. sobrevive só como distribuidora ós seus abonados da enerxía que lle merca a Unión Fenosa. Só tiña catro metros de salto polo que a forza da auga para mover a turbina non era moita. A presa na que se erguía a planta foi entullada para que atravesase o río unha pista aberta coa concentración parcelaria. Cando xa non foi rendible, vendéronlla a un particular interesado no "permiso de augas" da Balsa. Pretendía facer unha piscifactoría alí. O proxecto non obstante resultou inviable pola enorme suma de diñeiro que pedían os donos das leiras estremas para venderllas. O lugar está a toxo e xestas, quedou alí a turbina vella oxidada, as silveiras soben polas paredes. Agora é unha cova de lobos.

Encoro da Fervenza





Estes son dous videos do Encoro da Fervenza.

Embalse da Fervenza



Aquí vos deixamos unha presentación de fotos quitadas no embalse da Fervenza nunha visita que fixemos. Esperamos que vos gusten.

Afluentes do Xallas na Fervenza

O Xallas no Encoro da Fervenza ten algúns afluentes, que son os seguintes:
Pola dereita:
Á altura de Caneiro ó encoro recibe augas do regato de Ponte Caneiro, que á súa vez chéganlle augas do regato de Amelleiras, do rego de Fonte Espiño e do rego de Campos.
Na aldea de Villarradín ten como afluente o regato de Budoira. En Orvellido o encoro recibe auga do arroio que leva o mesmo nome da aldea.
Pola esquerda:
Á altura da aldea de Ribadeza recibe augas do rego de Valiño. Na aldea de Espigas chéganlle augas ó embalse do rego de Muíño. En Petón do Prado de Bouza aflúe á fervenza o río de Abeleiras. Á altura de Castellós de Fervenza chega o río de Vacaneiro no que desemboca o rego de Lago ó que á súa vez leva as súas augas o rego de Malagueriso.

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você