lunes, 2 de marzo de 2009

Encoro da Fervenza

Se ollamos un mapa de Galicia a parroquia de Brandomil parece estar no extremo dunha inmensa lagoa. É o Encoro da Fervenza.
Esa lagoa desmesurada mingua coa seca do verán. Á parte, dende 1991, durante tres días de agosto o encoro retírase ata case desaparecer. Os habitantes da zona recuperan o territorio usurpado pola auga para celebraren a Festa da Fervenza. Se o nivel da auga está alto aínda, Ferroatlántica debe abrir as comportas do encoro para a celebración. A convocatoria consiste na actuación de orquestas de certa sona, a exhibición de cabalos, xincanas, comida típica, exposición de maquinaria agrícola, xantar e cea campestre..., e todo o que o adxudicatario da organización (tras pública poxa no Concello de Mazaricos) considere adecuado.
A festa é estrictamente laica, non honra santo ningún nin ten a longa tradición das romarías de Vilamaior ou de Santa Margarida de Muíño; a afluencia de público é extraordinaria.
Os encoros do Xallas actúan como válvulas reguladoras do caudal entre si. Todos pertencen á mesma empresa, á catalá Sociedade Española de Carburos Metálicos S.A. orixinariamente, e exclusivamente á madrileña Ferroatlántica do Grupo Villar Mir dende marzo de 1994.
O salto da Fervenza responde á autorización de aproveitaentos hidroelétricos do Xallas ditada pola administración franquista cunha resolución do Ministerio de Obras Públicas de 22 de outubro de 1958. As expropiacións que se executaron están amparadas pola Lei de Expropiación Forzosa de 16 de decembro de 1954, de aplicación no ano 1999 aínda, cando Ferroatlántica solicitou aumentar o aproveitamento eléctrico do río no encoro que segue ó da Fervenza, o Salto de Ponte Olveira. Esta segunda “válvula” foi autorizada con outra orde ministerial de Obras Públicas de 3 de xuño de 1959. O governo de Franco autorizaba o aproveitamento dun caudal de 15600 l/s. Ferroatlántica pediu un incremento de 35000 l/s adicionais, é dicir 50600 l/s en total.
Datos oficiais sobre o caudal do río Xallas:
Caudal máximo: 41512 l/s
Caudal mínimo: 3434 l/s
Pero centrémonos polo de agora no Encoro da Fervenza, onde tampouco nos han faltar motivos de espanto. Pasou bastante tempo entre a concesión administrativa e a inundación total ou parcial das parroquias de Brandomil, Brandoñas , Baíñas, Alborés, Os Baos e Olveira. As testemuñas falan de que empezou a encher en 1964 e que foi no ano 1965 cando completou o máximo nivel, cando se produce a chegada efectiva da auga ás últimas leiras e ás últimas casas. Esta descomedida balsa que asolagará leiras e lugares nutre a reserva de caudal que consome os seguintes encoros. No seu propio dique produce apenas 3600 quilovatios. Porén, Ferroatlántica conta con aumentar 6000 máis coas novas concesións, que inclúen a ampliación da minicentral da Fervenza. Pero voltamos ó proceso inaugural. No 2003 houbo que reforzar a estructora do dique que presentaba algunhas fendas perigosas.

0 comentarios:

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você