lunes, 2 de marzo de 2009

Os muíños da Maquía

Despois da planta do Cabrexo, xusto na entrada do territorio de Brandomil chegamos ó Pozo do Grueiro. A curva que traza o río e a acumulación de auga no dique desvían esta pola canle dereita cara ós muíños de Bentín, pero tamén coécidos como os da Maquía.
Era un muíño de cinco rodas construído antes da guerra civil por Pedro Oreiro Bentín. Un dos rodicios foi substituído por unha dínamo para que tivesen luz eléctrica o propietario, a casa de Bentín, e os muiñeiros, a casa de Bautista. Cando había moito gran para moer a electricidade non chegaba ás casas. A maquía que debía pagar quen quixese moer alí era de un cuartillo por cada ferrado. Os Bautistas, os muiñeiros, cobraban do total de trigo e millo recadado ós clientes, ese global chamábase tulla. O Bentín dáballes un de cada tres ferrados. Os bos tempos coincidiron coa guerra civil. Os muiñeiros chegaban a gañar unhas dezasete mil pesetas, das daquela época, ó ano. Ingresábanas no único banco con sucursal próxima: Banco Olimpio Pérez, con sede en Compostela. O ferrado de trigo e de millo vendíase a 45 e 50 pesos.
Nos muíños da Maquía moeu xente de tan lonxe como Campo Longo, Fontecada, Baíñas ou As Maroñas. A seca do verán deixaba os seus muíños próximos sen auga. Estaban construídos sobre regatos que apenas levaban auga no verán. O caudal do Xallas aseguraba en cambio clientes todo o ano. O resultado foi unha demanda tal que había que esperar ata quince días para recoller a fariña do gran que deixaban para moer. Os sacos de millo e trigo amoreábanse na volta do muíño.

0 comentarios:

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você