lunes, 9 de marzo de 2009

Ponteolveira


"Velaquí me tendes
andiven de feira en feira
da Choupana a Baíñas
da Romás á Ponteolveira"
Popular













Os vales que forman ó seu redor os diferentes cursos fluviais, axeitadamente combinados coas pontes que foi necesario construir para comunicar as dúas marxes, foron dende sempre un bo lugar para o asentamento da poboación.
A pequena aldea limítrofe entre os concellos de Dumbría e Mazaricos pertence a este tipo de poboación. Aínda que nalgúns nomenclatores aparece denominada con tres topónimos diferentes: Ponteolveira para a zona da "ponte aló" , Mollón para a da "ponte acó" e Vista Alegre para a zona alta contígua a Mollón e con fermosa vista sobre o curso do río. Río que foi sempre punto de unión e, a pesar da riqueza de apelativos, a ponte e as súas circunstancias marcaron para sempre o lento fluír da vida a ambas marxes do Xallas.
Sobre a orixe desta ponte non hai datos concluíntes, hai autores, entre eles Artaza y Malvarez, que a sitúan na época romana e fala dunha suposta inscrición aparecida ó outro lado da ponte. Dato que aínda non foi corroborado polos especialistas e en todo caso, a obra que temos non conserva ningún elemento que poidamos considerar dese tempo.
Se as orixes romanas non están demasiado claras, o medievo parece que se aproxima un pouco máis.No ano 1286 o rei Sancho IV de Castela, concédelle a Muros importantes exencións encamiñadas ó impulso económico e social da vila, ademáis de outorgarlle un territorio para ser gobernado dende ela e que tamén contribuíra a súa prosperidade. A ese territorio pertencía Mazaricos e, precisamente, tiña na Ponteolveira un dos límites, de aí provén o topónimo Mollón, que tería un significado similar ó de marco e que dividía o alfoz de Muros que era do señorío do arcebispo de Santiago, da xurisdición de Corcubión que pertencía ó conde de Altamira.
Por estas mesmas datas, pola crecente importancia de Compostela no contexto espiritual de Europa, empezaría a cobrar importancia o camiño de peregrinación a Fisterra, que tería aquí na Ponteolveira unha das súas principais etapas. Camiño que se atopa recollido por diferentes cronistas, e totalmente xustificado dentro das diferentes tradicións que compoñen a historia do traslado dos restos de Santiago Apóstolo dende Xerusalén ata Galicia.
Na Idade Moderna xa comezamos a ter datos máis concretos sobre este encrave estratéxico. A ponte, tal e como se atopaba antes das desafortunadas obras de 1962, seguramente sexa de finais do século XVII ou de principios do XVIII. Construída con catro arcos de medio punto con contrafortes de planta triangular que reforzan a estrutura entre ollo e ollo. Ollos que son todos iguais e sobre os cales se depositaron diferentes materiais de recheo, formando o clásico perfil ascendente e descedente en forma de cumio que favorecía o saneamento da ponte.

0 comentarios:

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você