lunes, 2 de marzo de 2009

Características xerais da hidrografía galega

As características tectónicas e morfolóxicas do país galego e mailos seus trazos climáticos, pluviométricos en particular, son os dous grandes factores que condicionan o dispositivo hídrico da nosa rexión.
A disposición das unidades orográficas, cunha orla montañosa setentrional e occidental discorrendo próxima ó litoral dende a Serra do Xistral ata a do Faro de Avión, e un máis destacado conxunto oriental e sudoriental, dende a Serra de Meira ata a do Xurés, facilita a configuración de abundantes centros dispersores de augas, que envían en tódalas direccións multitude de cursos fluviais, aínda que de curto percorrido, coa coñecida excepción do pai Miño.
A litoloxía ou natureza do rochedo tamén inflúe na escorrentía e no trazado seguido polos ríos. É sabido que as rochas impermeables (como é o caso das pizarras ou das arxilas) teñen dificultades para rete-la auga, polo que esta reverte de contado ós cursos fluviais. Pola contra, a permeabilidade dos materiais calcareos, de escasa presenza en Galicia, fai que unha gran cantidade das augas superficias desapareza por infiltración ou absorción, aínda que esta perda pode verse substituída por unha circulación hídrica hipoxea.
Ademáis, os materiais xeolóxicos brandos ofrecen unha escasa resisitencia á actividade erosiva dos ríos, que poden así ensanchar amplamente o seu cauce. Pero no caso de as seren duras, as correntes fluviais que circulan sobre elas vense na obriga de cortalas verticalmente, nun proceso de forte encaixamento favorecido ás veces por un mecanismo epixénicos de antecedencia.
Por outra banda, a actuación dos procedementos tectónicos sobre os materiais litolóxicos que configuran o territorio galego orixinou a aparición dunha intensa fracturación de idade tardihercínica e neóxena-cuaternaria, acompañada dunha estructuración en bloques. Estes fenómenos son, en definitiva, os responsables do trazado de moitas canles de auga, por un lado, e dunha marcada compartimentación das numerosas cuncas fluviais, por outro.
Ademáis, a rede fluvial galega caracterízase por presentar unha gran variabilidade das fases do "ciclo erosivo" ó longo do percorrido dos distintos cursos de auga. Como é sabido, DAVIS concebía o ciclo de erosión como unha cadea de estadios que se suceden nunha orde irreversible. Así, o curso alto dos ríos, con fortes pendentes e unha elevada potencia que lles permite levar a cabo neste tramo unha vigorosa excavación e un afondamento dos seus vales, estaría relacionado coa fase de "xuventude"; ó llongo do curso medio regularízase o perfil lonxitudinal da corrente e, xa que logo, a capacidade erosiva disminúe, coa conseguinte suavización das vertentes; este curso correspondería a unha etapa de "madurez", e , finalmente, o curso baixo, coincidente cunha lenta diminución das pendentes nos perfís lonxitudinais dos ríos, reprersentaría o estadio de "vellez".
Pero en Galicia (e esta é unha das grandes orixinalidades da nosa rexión) boa parte dos ríos nacen "vellos" e teñen un curso senil no seu primeiro andar para, ós poucos, iren rexuvenecendo ó longo do seu percorrido, contradicindo explicitamente a inexata teoría davisiana. Pensemos no Xallas, quizáis o único río de Europa que, nacendo " vello", morre nunha fermosa e xuvenil fervenza no intre de se botar no mar.
En realidade, os procesos tectónicos e mailas variacións climáticas ocorridas no transcurso dos tempos xeolóxicos veñen se-los factores fundamentais, aínda que non únicos dun acusado dinamismo xeomorfolóxico que está moi lonxe do abstracto e idealizado sistema da "erosión normal".
No que se refire ós trazos climáticos, as precipitacións abundantes ( notablemente reforzadas en ocasións pola altitude e máis pola orientación dos saltos de nivel topográficos e das aliñacións montañosas) e, polo xeral, ben distribuídas ó longo do ano, son as circunstancias que posibilitan a existencia dunha ampla e densa rede fluvial, constituída por numerosos ríos, regos e regatos que permiten calificar a Galicia como " o país dos dez mil ríos" (CUNQUEIRO).
Ademáis, ó seren as chuvias as que normalmente constitúen a única fonte de alimentación dos ríos, estes amosan un réxime de tipo pluvial atlántico ou oceánico, caracterizado pola abundancia e regularidade dos caudais, con augas altas no inverno e moderada estiaxe nos meses do verán. Tan só nos cursos fluviais procedentes das serras orientais e sudorientais, cunha nivosidade importante nos meses máis fríos do ano, aparece un factor de alimentación engadido, de carácter nival, que proporciona a estes ríos un réxime de tipo pluvionival, con augas altas invernais provocadas polas chuvias, que se continúan durante a primavera debido á incorporación a tales canles fluviais da auga procedentes da fusión das neves.
En realidade, o clima é o factor que condiciona dun xeito máis forte as características da rede hidrográfica galega. Os nosos ríos constitúen unha nidia expresión dos caracteres climáticos de Galicia e traducen directamente nos seus réximes esas mesmas variables climáticas.
Así, na vertente cantábrica, que amosa o clima máis puramente oceánico de GAlicia e ofrece, polo tanto, a maior regularidade térmica e pluviométrica, os ríos responden perfectamente a estas condicións. En efecto, estas correntes fluviais presentan un caudal relativo medio anual que nos dá un promedio de case 26 l /seg / Km(cadrados), en tanto que a media dos seus coeficientes mensuais de caudal corresponden á estiaxe é de 0.28 .
Pola contra, os ríos que se botan nas Rías Baixas, dende o Tambre ó Miño, sometidos xa as notables influencias mediterráneas malia recibiren de cheo as depresións atlánticas, acusan apreciables estiaxes. Deste xeito, o promedio dos coeficientes mensuais de caudal no período de augas máis baixas é neste cursos fluviais de tan só 0.13 , cando os seus caudais relativos medios anuais ofrecen unha media duns 40l/seg/Km(cadrado).
Como era de agardar, os ríos do Arco Ártabro e Fisterrán manteñen unha posición intermedia: o seu caudal relativo medio anual permítenos obter un promedio de 29l/seg/km(cadrados), mentres que os coeficientes mensuais de caudal correspondentes ás respectivas estiaxes proporciónannos unha media de 0.20.
Por último, o complexo Miño-Sil, pola amplitude da súa cunca e pola diversidade de áreas climáticas que atravesa, ofrece unha lóxica variabilidade no seu comportamento hídrico ó longo dos distintos tramos do seu percorrido, tal como trataremos de poñer de relevo no lugar correspondente deste estudo.

0 comentarios:

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você