martes, 10 de marzo de 2009

Enerxía eólica

Vamos informandovos sobre o impacto da enerxía eólica nesta rexión:
A finais do 2003 a potencia eólica instalada no noso País era de 1.617 megavatios e había un total de 2.500 aeroxeneradores en territorio galego que viñan funcionando unas 2.750 horas ó ano. Daquela o futuro xa apuntaba cara plataformas mariñas en mar aberto para aproveitar mellor o vento. O que máis amola é que chantada semellante cantidade de parques que custaron preto dun millón de euros e crearon 2.200 postos de traballo, resulta que na primaveira do 2004, Rede Eléctrica de España descolgouse dicindo que é una producción de baixa calidade e que un simple curtocircuíto deixa os aeroxeneradores fora de servizo.
A APPA replicou cualificando de inapropiadas as recomendacións de Rede Eléctrica. Os productores din que a desconexión automática dos aeroxeradores ante perturbacións na rede prodúcese por exixencia da normativa vixente e pola necesidade de protexer as máquinas ante estes incidentes. Á Asociación de Productores de Enerxía Eléctrica Renovables tampouco lle gustou moito que a REE opine sobre a cantidade de enerxía que haxa que instalar en Galicia. Disque que se ocupe de que a integración na rede se faga como é debido, que ese é o seu cometido. De todos modos, no ano 2.006 algúns técnicos sosteñen que , cos aeroxeradores axeitados, os parques galegos poderían pronducir cinco veces máis do que producen ocupando o mesmo espazo.
No ano 2.004 España foi o Estado que máis potencia eólica instalou (2.065 megavatios), contando a de Galicia.
A finais dese 2.004 comezaron a filtrarse á prensa algunhas queixas do sector contra os “especuladores” que obtiñan licencias da Xunta de Galicia para venderllas a prezos millonarios despois ás empresas eléctricas.
O nacemento do Xallas está presidido polo Parque Eólico do Castelo, posto en marcha por Unión Fenosa no ano 2.001. En contra do que o seu nome indica, estes máis de vinte aeroxeradores orientados cara ó oeste están plantados nos montes Maior e Atalaia, en territorio dos Concellos de Coristanco e Tordoia.
En abril do 2.005 vendo a desfeita dos viraventos na mon
taña, os da ribeira comezaron a preocuparse tamén. As confrarías de pescadores da Costa da Morte reaccionaron contra dous estudos de instalacións de senllos parques eólicos mariños reclamando máis información, precisa e veraz, sobre o impacto real que poderían ter sobre a pesca e o mar as plataformas mariñas de enerxía eólica. O propio goberno galego coincidiu cos pescadores en que as plataformas proxectadas pola Administración Central prexudican os caladoiros.
O territorio galego é o quinto do mundo con máis potencia eólica instalada. A desconfianza que comeza a suscitar o aproveitamento modificou a estratexia das empresas do sector. Estas compañías das que só o 10% son firmas galegas, ofrecen investimentos de 3.000 millóns de euros a cambio de máis muíños e poren de ocupar máis montes. Pretenden conseguir 2.500 megavatios máis a cambio de crearen outros 2.500 postos de traballo.
Os ecoloxistas denuncian que cada unha das cen minicentrais que soportan os nosos ríos destrúe entre o 45 e 95% da fauna galega total. Iso non significa en cambio que os aeroxeradores sexan un maná divino sen repercusión no contorno.
No verán do 2.006 a Xunta pugnaba co Goberno Central para incrementar a xeración eólica de electricidade por riba do que Madrid lle permite.
Certo aire entre futurista e innovador dos viraventos brancos alentou tamaña proliferación deles por Galicia adiante. Aínda así, dentro dalgunha decada os nosos descendentes mirarán horrorizados a barbarie paisaxística e de mal gusto que perpetramos no afán de parecermos modernos.
Un estudo da Deputación da Coruña, presentado a finais de 2.005 polo profesor Manuel Lara, desvela que a Costa da Morte e Xallas teñen serias carencias enerxéticas. A zona precisa investimentos de 6,5 millóns de euros para pór como é debido a subministración de electricidade. Faltan transformadores, subestacións e interruptores que permitan illar as avarías. A iso haberá que engadirlle os custos dunha planta de gas licuado e unha mínima infraestructura de telecomunicacións que tire da “zona de
sombra” boa parte do territorio de todos os concellos.
Estes datos contrastan cos 140 millóns de euros que ten previsto investir en Galicia Rede Eléctrica de España ata o ano 2.008 para mellorar a infraestrutura de “evacuación” da enerxía eólica e a das centrais das Pontes e Sabón.
É manifesta a cativa riqueza que o “feísmo” dos parques eólicos lle reporta a quen ten que vivir con eles no seu contorno: escaso beneficio como consumidor, e escaso tamén como habitante “integrado” no medio natural e rural que desmente a berros o discurso política e ecoloxicamente correcto dos muíños de vento.
Se existe un territorio que merece ser compensado coa creación dunha taxa sobre as empresas que explotan os seus recursos eólicos e hidráulicos é o do Xallas.

0 comentarios:

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você