martes, 10 de marzo de 2009

Ferroatlántica

É moi difícil ver outra cousa conforme un se aproxima á fábrica, pero paga a pena apartar os ollos dela: está a cincocentos metros dun antigo Camiño Real que na beira garda a chamada Pedra Ancha; según os naturais da zona, é un dos petróglifos máis importantes de Galicia. As incriscións gravadas no granito da pedra están datados na Idade de Bronce (1800 - 700 a. C.) Reproducen puñais e alabardas.
Os chuciños e os coitelos que debuxaran os devanceiros fan de escolta para a factoría "fumeadora" que leva máis dun cuarto de século funcionando onda eles. Coñecida como a fábrica de Dumbría, esta nave está no Hospital de Lagoso, cerca de onde se bifurca a ruta xacobea Fisterra - Muxía; forma parte como un todo do proceso de produción da de Brens ( Cee) , a 10 quilómetros, de feito para Ferroatlántica trátase dun mesmo centro de produción con cinco fornos. A planta de Brens fora feita hai un século para a fabricación de carburos. No ano 2002 traballaban aquí 236 persoas entre fixos e eventuais; cen menos ca dez anos antes.
As minicentrais do Xallas creáronse para suministrarlle enerxía exclusivamente. Segundo fontes da factoría non producen a electricidade suficiente para as fábricas e teñen que mercar electricidade. Ferroatlántica só lle vende electricidade sobrante da cunca do Xallas a Unión Fenosa cando as fábricas de Brens e Dumbría paran pola noite.
Negaban, por certo, que os seus residuos contivesen metais pesados, como se queixan por veces os mariscadores de Cee. En marzo do 2005 deulles en cambio por recoñecer que a contaminación por hidrocarburos da ría de Corcubión era culpa deles. Esa declaración de parte seviulles para eludir sancións severas e saldaron a súa responsabilidade cunha doazón de cen mil euros á Fundación Arao, creada pola Xunta para recoller fondos tras o episodio do Prestige. Poucas semanas despóis, a Xunta asinaba con eles un convenio segundo o que o Goberno galego poría os 12 millóns de euros necesarios para ampliar ata 310 metros o peirao de Brens - Cee aumentándolle o calado ata 12 metros, para que puidesen atracar barcos de ata 25000 toneladas.
Da contaminación segue sen saberse nada. Tras case catro anos de pescudas, a consellería de Medio Ambiente continúa sen dicir de donde veñen os verquídos. Os bancos de marisqueo de Cee e Corcubión tiveron que pecharse media ducia de veces entre finais de 2002 e xullo de 2006. A Unión Europea ten claro que as factorías de Dumbría e Brens, como mínimo axuda ó efecto invernadoiro. As autoridades da Comisión téñenas inscritas no rexistro Esper. Nesta lista figuran as industrias vixiadas pola súa polución. Unha vez ó ano Ferroatlántica ten que informar ás autoridades das súas emisións contaminantes ( sobre unha lista de cincuenta substancias) e Bruxelas fai públicos eses datos.
Pero no outono de 2006 todo isto perdeu importancia. As catro inundacións seguidas que sufriu Cee arrastraron á ría de Corcubión litros e litros de auga doce, con lama chea de borralla da grave vaga de incendios do verán, estragando os bancos marisqueiros nunha imaxe apocalíptica, parecida en todo á marea negra do Prestige.
Ferroatlántica S. L. , constituída en setembro de 1992, con factorías en España, México e Venezuela, produce ferroaliaxes que se utilizan en sectores como a siderurxia, o aluminio, as siliconas, os eléctrodos de soldadura, os semiconductores ou as células solares fotovoltaicas. Segundo se lee na web da compañía, ten moita sona o eléctrodo elsa, patentado por eles e usado en todo o mundo na producción de silicio. Tamén dispoñen de estudos propios sobre a aplicación de microsílice en formigón de alta resistencia. A capacidade de producción anutal chega ñas 167.000 toneladas de ferrosilicio, ás 40.000 de silicio metal, ás 215.000 de ferromanganeso, ás 170.000 toneladas de ferrosilicomanganeso, ás 16.000 de pasta de eléctrodos, ás 44.000 de microsílice e ás 10.000 toneladas anuais de pulverizados.
Os recursos enerxéticos de Ferroatlántica baséase no aproveitamento hidráulico dos cauces dos ríos Xallas e Grande en Galicia e Esera e Cinca en Aragón. A división de enerxía xestiona de maneira integral a producción, transporte e transformación da enerxía eléctrica do grupo. As centrais son automáticas. As presas, centrais e subestacións opéranse a distancia apoiadas polo persoal de mantemento a pe de instalación.
Ferroatlántica autoabastécese extraendo seixo industrial en Galicia das súas minas chamadas: Sonia, Conchitina, Esmeralda, Transmonte, Merlán e Cristina a través da sociedade Cuarzos Industriales e máis da mina de Serrabal da sociedade RAMSA, propiedade tamén do Grupo Villar Mir.
Por causa desta última, a de Serrabal, situada en Vedra e Boqueixón, interromperon as obras e estudaron mudar o trazado do tren de alta velocidade entre Ourense e Santiago. A liña pasaba polo xacemento de seixo e Ferroatlántica raclama nos tribunais a estratosférica cifra de 895 millóns de euros. A plataforma de concellos afectados polo AVE sostiña que o trazado apenas invadía o 10 ou 20 por cento do xacemento de seixo, uns 100 ou 200 metros dun total dun filón de tres quilómetros. A empresa di que a liña do ferrocarril pasa pola parte máis rendible desta mina, que produce o mellor seixo siderúrxico de todo o mundo co que abastecen as plantas de Sabón, Cee e Dumbría. Villar mir insinúa que os 40 postos de traballo de Serrabal e os 395 das tres factorías están en cuestións.
Como na política as afirmacións rotundas pouco duran, en abril de 2.006 cambioulle o aire ós cataventos. O Ministerio de Fomento desdíxose e anunciou que ía manter o trazado inicial, sobre a mina, que antes lle parecera inviable. O motivo disque era non buscar un distinto, que atrasaría dous anos o inicio das obras. Esta negociación foi relacionada en varios medios coa tramitación dos tres novos aproveitamentos hidroeléctricos do Xallas que solicitaran os de Villar Mir para crear outra central hidroeléctrica máis na presa de Castelo e ampliar as de Ponte Olveira e da Fervenza.

0 comentarios:

 
Río Xallas © 2007 Template feito por Templates para Você