
Era un muíño de cinco rodas construído antes da guerra civil por Pedro Oreiro Bentín. Un dos rodicios foi substituído por unha dínamo para que tivesen luz eléctrica o propietario, a casa de Bentín, e os muiñeiros, a casa de Bautista. Cando había moito gran para moer a electricidade non chegaba ás c
asas. A maquía que debía pagar quen quixese moer alí era de un cuartillo por cada ferrado. Os Bautistas, os muiñeiros, cobraban do total de trigo e millo recadado ós clientes, ese global chamábase tulla. O Bentín dáballes un de cada tres ferrados. Os bos tempos coincidiron coa guerra civil. Os muiñeiros chegaban a gañar unhas dezasete mil pesetas, das daquela época, ó ano. Ingresábanas no único banco con sucursal próxima: Banco Olimpio Pérez, con sede en Compostela. O ferrado de trigo e de millo vendíase a 45 e 50 pesos.
Nos muíños da Maquía moeu xente de tan lonxe como Campo Longo, Fontecada, Baíñas ou As Maroñas. A seca do verán deixaba os seus muíños próximos sen auga. Estaban construídos sobre regatos que apenas levaban auga no verán. O caudal do Xallas aseguraba en cambio clientes todo o ano. O resultado foi unha demanda tal que había que esperar ata quince días para recoller a fariña do gran que deixaban para moer. Os sacos de millo e trigo amoreábanse na volta do muíño.
0 comentarios:
Publicar un comentario